Jornada 25 Aniversario Asociacion de Internautas


O ano do cable


As operadoras necesitan incrementar notablemente a súa carteira de clientes durante os vindeiros meses para comezar a sacarlles rendibilidade ós seus investimentos





As operadoras de cable enfrontáronse o ano pasado a un período de grandes investimentos pero de menos eficacia comercial, unha tendencia que deberá cambiar se desexan recupera-los enormes investimentos que realizaron. En todo caso, trátase dunha aposta difícil. A pesar das grandes promesas que inclúe o cable, e do avance que supón para as telecomunicacións a nova tecnoloxía, algúns analistas sinalan que non terá tanto de panacea cando a propia Telefónica, que sería a compañía con máis posibilidades para cablear de forma eficaz todo o país, se retirou do mercado e esqueceu o sector.

En todo caso, durante o ano 2001 eran xa 4,5 millóns de fogares e empresas os clientes potenciais do cable, pero os abonados non chegan a 800.000. O investimento alcanzou os 4.300 millóns de euros o ano pasado, mentres que os ingresos totais do sector non superaron os 482 millóns de euros.

En opinión de Alicia Jiménez, directora de análise de Self Trade, o cable "é unha tecnoloxía moi cara de implantar''. Ó seu xuízo, "Ono está realizando unha boa implantación do cable, pero Auna non está cableando ben as súas zonas, salvo en Andalucía''.

"A quen verdadeiramente lle interesa o servicio do cable é ás pequenas empresas'', engade Alicia Jiménez. Segundo a analista, o valor engadido do cable é Internet, xa que o teléfono, na súa opinión, xa o ofrecen outros operadores. Sen embargo, o certo é que os españois demandan polo de agora principalmente telefonía, con 664.608 servicios activados en 2001, seguido de televisión, con 552.882 servicios activados, Internet (136.525 servicios) e Internet de banda ancha (125.618).

Por operadores, Auna Cable, que engloba un conxunto de empresas que están estendendo o cable por varias comunidades autónomas de España, logrou que o número de clientes activos se situara en 260.192 en 2001, o que representa un aumento do 143 por cento respecto do ano anterior; ONO alcanzou os 338.896 clientes, un 98 por cento máis que no 2000, e o resto dos operadores, asociados na Agrupación de Operadores de Cable (AOC), superou lixeiramente os 200.000 (un 40 por cento máis).

No conxunto de España, a lonxitude da rede local de cable acadou a cifra de 17.234 quilómetros, mentres que no 2000 a cifra fora de 10.938 quilómetros. O servicio de cable chegou a 179 cidades, e noutras 210 estase implantando aínda.

O director xeral de Ono, Silvio González, confía en obter beneficios antes de impostos este mesmo ano, o que implica supera-lo resultado negativo neste concepto por valor de 9,4 millóns de euros que rexistrou a compañía ó longo do ano 2001.

Ono anunciou ademais que Valencia, cidade na que conta cos seus servicios máis avanzados, contará este ano con televisión interactiva e máis de cen canles, ademais de vídeo á carta, o que situará a compañía en vangarda da tecnoloxía por cable en España. Ono ofrece servicios en Valencia, Alacante, Castellón, Murcia, Albacete, Huelva, Cádiz, Mallorca e Cantabria, o que supón un mercado potencial de máis de 4 millóns de fogares.

Auna, pola súa parte, ofrece os seus servicios a través de operadoras implantadas en Andalucía (Supercable), Canarias (Canarias Telecom); Madrid (Madritel); Aragón (Able), e Cataluña (Menta). Outras operadoras do sector son Euskaltel, en Cantabria e País Basco; R, que traballa en Galicia; Tenaria en Navarra e A Rioxa; Telecable en Asturias e Retecal en Castela e León.

Salvo as películas de estrea e os partidos de fútbol, no resto dos programas televisivos as operadoras de cable uníronse para intentar reduci-lo prezo dos programas.

Este proceso é unha das incógnitas do sector, despois das conversacións que se sucederon no último ano, e que polo de agora as levou a buscar unha posición única na compra de contidos. Pero os analistas opinan que o ano 2002 pode traer sorpresas.

Para Auna, Ono e as demais compañías, este ano suporía un estrepitoso fracaso se non lograran aumenta-lo número de abonados significativamente.

Como botón de mostra, o dixeral de Madritel, José Carlos Serrano, quere acabar 2002 con dúas veces máis clientes dos que ten agora, que son pouco máis de 100.000, e moitos máis os potenciais, é dicir, aqueles ós que xa chega o cable pero onde os seus propietarios ou propietarias non se abonaron aínda.

El Correo Gallego


pdfprintpmail