Asociación de Internautas

Logo 1

Apostando por R


Dezaoito entidades financeiras avalan un préstamo sindicado por valor de 38.000 millóns de pesetas, cos que o operador galego seguirá espallando a súa rede nos vindeiros anos


O martes tivo lugar na Coruña a sinatura da operación pola que R financia o plan de negocio do seu proxecto mediante un préstamo sindicado cun importe que ascende a 228 millóns de euros (38.000 millóns de pesetas). Esta operación fortalece a aposta do mercado financeiro polas modernas infraestructuras de redes de cable de fibra óptica, feito especialmente relevante dada a actual conxuntura que atravesa o mercado das telecomunicacións. Son 18 as entidades financeiras que avalan esta operación, que lle permitirá a R seguir medrando.

Os directores e aseguradores principais do préstamo son Caixanova, que tamén actúa como axente, o ICO (Instituto de Crédito Oficial) e Caixa Catalunya. Os coaseguradores son Banco Pastor e Banco Gallego, ademais dunha longa lista de entidades. Segundo informou o operador nun comunicado, "esta sólida aposta da comunidade financeira polo proxecto do operador galego de cable, R, e pola súa infraestructura de redes de fibra óptica de banda ancha, perfílase como un feito excepcional no panorama actual do mercado das telecomunicacións. Entre os factores diferenciais que contribuíron ó éxito da operación encóntrase a confianza das entidades financeiras derivada do compromiso directo por parte dos accionistas co proxecto, apoiado, ademais, por capital maioritariamente galego, é dicir, autóctono, a diferencia do que sucede con outros operadores do sector''.

Outro dos factores positivos foi "a solvencia técnica do plan de negocio da compañía, cuestión xa avalada polo BEI (Banco Europeo de Investimentos) en xuño de 1999, cando se produciu a primeira rolda de financiamento a longo prazo de R. Adicionalmente, realizáronse auditorías por terceiros como a due diligence realizada por Clifford Chance, a análise técnica do plan de negocio por Price Waterhouse Coopers e unha auditoría actuarial realizada por Aon Gil y Carvajal''.

O eixo principal do modelo de R é a construcción de novas infraestructuras de redes de fibra óptica, "fronte a aqueles proxectos que alugan as tradicionais redes xa existentes ou os proxectos virtuais de Internet''.

Esta operación de financiamento garante o investimento previsto para a construcción da rede de fibra óptica de R en Galicia, cunha cifra que ascende a 70.000 millóns de pesetas, dos que 34.000 se destinaron, ata a data, para dotar desta infraestructura as principais poboacións e polígonos empresariais galegos a través dunha rede de 132.000 quilómetros de fibra óptica; rede despregada por toda a xeografía galega en só dous anos, e que inclúe máis de 1.600 centros técnicos de operacións cunha superficie total de 18.000 metros cadrados.

"Tanto o investimento realizado ata a data como os quilómetros de rede seguirán incrementándose ó longo dos próximos anos, consecuencia directa do compromiso desta compañía para equipar a tódolos galegos coas modernas redes de última xeración que contan con maior capacidade, posibilidades de crecemento e adaptación ás crecentes demandas do mercado'', declarou Honorato López Isla, presidente de R.

Entre as innovacións da rede de R destaca a tecnoloxía FTTB (Fiber-To-The-Building, ou sexa fibra óptica ata o edifico), innovación froito dun "importante esforzo de investigación'' realizado polo operador galego conxuntamente cos seus subministradores. Esta tecnoloxía, "a diferencia da que aplican outros operadores de cable tanto en España como no mundo, achega a fibra óptica ata o edificio, aumentando así a calidade e capacidade de ancho de banda dispoñible para cada cliente, a quen se lle garante, ademais, o mellor equipamento de cara a tódalas novas necesidades de comunicacións que xurdirán no futuro.

"Esta operación é un éxito polo que nos debemos felicitar tódolos galegos, dado que con este proxecto non só conseguimos atraer capital humano a través da creación de emprego cualificado, senón tamén capital financeiro; é un feito a confianza depositada pola comunidade financeira no obxectivo de dotar Galicia dunha infraestructura de cable de fibra óptica e servicios integrados de telecomunicacións, que a sitúe entre as rexións tecnoloxicamente máis avanzadas do mundo'', declarou Honorato López Isla, presidente de R.

R xerou, ata a data, un total de 200 empregos directos en Galicia, 800 indirectos e 1.500 inducidos, con cadro de persoal composta maioritariamente por profesionais galegos retornados doutros lugares, atraídos pola construcción deste proxecto de telecomunicacións para Galicia. Hoxe, R ten 27.000 clientes, dos cales 6.200 son empresas. Para o ano serán, seguramente, 50.000.

El Correo Gallego